E choraban meus sentidos, mentres os meus ollos permanecían pechados. Igual era en soños ou en despedidas, ou nun día baleiro de setembro. Era unha historia hermética e eterna a que me acochaba, un naufraxio coma o da nave no mar, o vento cantando por entre as velas, a noite escura, salpicada de auga a cúpula estrelada. Dos meus sentimentos só me permitiches gardar un, tan só un que agora me enche por cada músculo, recuncho, pequeno martirio. A Paixón deslizouse como unha serpe velenosa, asubiando por entre as follas, ameazante e silandeira. Quedou durmida entre as voces dun bocexo. O Amor arrancáchesmo con tesoiras, sen piedade, partíchesme o peito e o ventre, sangrei de desamor por cada ferida, maltratada polos fíos da túa ignorancia, agudos e punzantes, asasinos de sensacións. Comícheste os meus órganos nun banquete estival, non che importou deixarme tan extensa e sen fronteiras coma o mar. Os Celos pegaron un brinco, e fóronse con outra. Sen eles, a emoción de verte comigo volveuse coma unha promesa rota fai mil anos. A Esperanza non quixo quedar. Volveu á súa caixa de Pandora, acostumárase a estar sen males e sentíase incómoda comigo. Antes de marchar, xirouse por uns instantes e miroume fixamente, tentando deixarme unha mensaxe secreta. O Odio marchoume nun esbirro impresionante. Saíume disparado de dentro cando mirei cara ti e o sol che daba de pleno. O reflexo acatarroume sen remedio. Agora os teus ollos producíanme tan só unhas lenes cóxegas na punta do nariz. O Medo, que ti me prestaras unha vez, tamén decidiu tomar conta propia e abandonarme un día, abrazado da Valentía e do Arrouto. Marcharon cara un feliz mundo novo, sentiron que xa dentro de min non tiña sentido quedar. Nada me decidía sen a esperanza, nin a atreverme nin a escapar. A Vinganza xa non foi necesitada, pois non había dano. Alugou un piso nunha gran cidade prestixiosa e decidiuse a xogar ó Stratego, e de vez en cando, participar nalgunha serie televisiva. O Erotismo perdeu o sentido, caeu dun desmaio dende o alto da miña mente e alí quedou para sempre esquecido, esnafrado contra o pavimento, cando comecei a andar e se me esqueceu volver a mirar cara a atrás. A Alegría murchou como a rosa en inverno, primeiro cambiou a unha cor máis escura, mudou os seus pétalos fortes e arrecendentes por inusitados fráxiles pétalos de papoula. Comezou a secar polas puntas, os seus punzantes pinchos deixáronse caer como folerpas e desapareceu nunha fogueira de fogos fatuos. A Amizade púxose a hibernar. Cando espertou atopouse que non era primavera, e que os amigos marcharan. Só quedabas ti. A Amizade non puido soportar ó sufrimento que a acompañaba e deixouse morrer entre os meus brazos coma un animal sen esperanzas. Finou como unha pequena criatura, cos ollos pechados e un leve sorriso imperecedoiro xa que o último que se lle pasou pola cabeza foi a imaxe da despedida da esperanza, abaneando un pano vermello de fina seda. O Sufrimento non soubo asimilar a morte. Tras o roubo do Amor, sentiuse atado á Amizade, e cando esta desapareceu, buscou a Esperanza, que sempre estaba detrás del, pero mirou e ás súas costas non atopou ren. Entón recordou a Valentía e o Arrouto, pero tamén desapareceran. Pensou que entón o Medo aparecería de un momento a outro e o atraparía sen remedio, pero iso tampouco ocorreu. Pensou en botarlle as culpas ós demais, pero a Vinganza estaba nun enredo dunha familia mafiosa italiana. Camiñou durante horas e horas, vagou o sufrimento apampado polo meu interior. Cando te vía, recordaba a todos os seus compañeiros ausentes e sen querelo aumentaba por momentos. Pobre Sufrimento. Tiña as solas dos zapatos xa gastadas, coma un vagabundo tentaba atopar o seu camiño, pero non había camiños, nin pistas, nin carteis, era aquelo unha espiral eterna. Non había esperanza que perder. Non tiña forzas, non podía nin envexar ós que non sufrían. Entón atopouse co último que quedaba. Era a Tristeza, que choraba sen parar un río de bágoas secas. Por un tempo uniron a súa dor e a Tristeza e o Sufrimento tentaron de animarse o un o outro. Pero o sufrimento só facía aumentar a dor da Tristeza, e a Tristeza so facía que o Sufrimento se fixese máis grande. O sufrimento non puido soportar tanta auga. As bágoas da tristeza pronto o cubriron, e antes de que puidese escapar, anegouno por completo. Foi o outro día, cando o sufrimento deixou de respirar. Agora aboiaba inerte por algún lugar. A tristeza, definitivamente, quedou completamente soa. Comigo. E sen ti. Dela brota de continuo un río de bagoas. Primeiro proían. Logo comezaron a engurrarme coma a unha uva pasa por dentro, e máis tarde, por fóra. Secaron. Tentou chorar pero só conseguiu un pequeno regueiro de sangue. Entón a Tristeza non puido soportar a presión de si mesma. E choraban os seus sentidos, mentres os ollos da Tristeza permanecía pechados. Igual era en soños, ou en despedidas ou nun día baleiro de setembro. Era unha historia hermética e eterna a que a acochaba.